Santuario de San Pedro Fiz.
O Santuario de San Pedro Fiz está situado na parroquia do Salvador de Vilarmide, no Concello da Pontenova.
A el accédese desde Lugo pola estrada N-640, que leva á Pontenova, e desde alí por unha estrada local que comunica a capital municipal con Vilarmide, que se atopa a uns 12 quilómetros da devandita capital.
Igrexa de San Pedro Fiz
O Santuario ten unha nave rectangular con pórtico á entrada, unha capela maior cun grande arco triunfal e sancristía na cabeceira. No seu interior hai un retablo neoclásico do século XIX con esculturas dos séculos XVII e XVIII.
O San Pedro Fiz celébrase o primeiro domingo de Agosto. A esta festividade achéganse devotos de Riotorto, Meira, A Pastoriza, Ribeira de Piquín, e por suposto, de todo o Concello da Pontenova. A influencia deste santuario traspasa os límites parroquiais, municipais e comarcais.
No San Pedro Fiz, os devotos que veñen ofrecidos por enfermidades humanas e de animais adoitan levar exvotos de cera que simbolizan o corpo humano, total ou parcialmente, así como a aqueles animais, xeralmente vacas e porcos, obxecto de petición.
Do mesmo xeito que no Santuario de Santa María de Conforto, no de San Pedro Fiz celébranse misas durante toda a mañá e ao finalizar celébrase unha procesión xeral que rodea ao Santuario unha ou varias veces e na que se sacan do templo as imaxes obxecto da festividade.
Fonte situada xunto ao santuario
Outros rituais, que ben poden ser colectivos ou individuais, consisten en ir andando ata o Santuario desde o lugar de orixe, en dar unha ou máis voltas ao Santuario, de pé ou de xeonllos, e con exvotos de cera que representan a animais ou ben ao corpo humano, total ou parcialmente, co obxecto de que se cumpran as peticións feitas ao Santo. Doutra banda, todo devoto ansía tocar ou bicar a figura do Santo.
Cerca do Santuario atópase unha fonte, que aínda que non se coñece quen nin cando a construíu, si que se sabe que é moi antiga. Nesta fonte a xente molla panos e pásaos por partes enfermas do corpo para sanarse, logo diso deixan eses panos colgados nas ramas das árbores que alí hai.
Segundo a crenza popular, o Santo é especialmente efectivo na eliminación de verrugas, e é por iso polo que moitas persoas ao longo do ano acoden ao Santuario a lavalas con auga da fonte de San Pedro Fiz.
