Inicio » Turismo » Festexos

Festexos

Festas na Pontenova

A Festa da Troita é unha singular e xenuína celebración considerada de interese turístico. Celébrase o día 1 de maio desde o ano 1978 e entre as actividades das que consta destaca a celebración do concurso de pesca deportiva de troita, declarado pola Federación Nacional de Pesca como concurso de interese deportivo nacional.

Esta festa adoita abarcar os días anteriores e posteriores ao 1 de maio, día no que se celebra pola mañá o concurso de pesca e pola noite ofrécese unha degustación gratuíta de troitas na Praza do Concello.

O éxito desta celebración quedou probado ao longo dos anos e co paso do tempo aumenta o seu prestixio.

As Feiras de Outubro celébranse os días próximos ao primeiro domingo de feira deste mes. Esta celebración serve para demostrar as calidades de bo anfitrión dos pontenoveses e espertan unha grande atracción nas comarcas próximas. Nos últimos anos un acontecemento centra a atención nestas datas, un espectáculo pirotécnico denominado "A Queima dos Fornos".

Este espectáculo resulta impresionante, tanto para os visitantes como para os propios veciños do Concello; para os primeiros pola súa vistosidade e espectacularidade e para os segundos por ter a posibilidade de ver de novo con vida os "Fornos" e rememorar tempos de esplendor do Municipio.

Ademais, os domingos, cada quince días e en alternancia co veciño Concello de Meira, celébrase na capital do Concello da Pontenova unha feira co seu correspondente mercado e á que acoden visitantes de zonas próximas.

Outras festas do municipio

A "Festa de Santo Estevo" celébrase o primeiro domingo de xuño na parroquia de Santo Estevo de Rececende.

O 24 de xuño celébrase na parroquia de San Xoán de Rececende a festa en honra do seu patrón, a "Festa de San Xoán", durante a cal se realizan as tradicionais fogueiras nesta noite tan especial.

O primeiro domingo de agosto celébrase en Vilarmide a "Romaría de San Pedro Fiz". Esta festa destaca pola grande cantidade de xente que realiza a procesión ata a Igrexa de San Pedro Fiz buscando algún milagre do Santo ou por devoción a este. Hai que destacar a gran cantidade de comidas campestres que se realizan nos arredores do templo.

O fin de semana do 5 de agosto (ou o seguinte fin de semana máis próximo) celébrase en Vilameá a "Festa das Neves", unha festa que goza dunha gran afluencia de veciños doutras parroquias do municipio e ata de concellos próximos.

O 8 de setembro celébrase en Conforto a "Romaría da nosa Señora de Conforto". Esta celebración é unha das máis visitadas do Concello e o seu carácter relixioso arrastra a unha gran cantidade de fieis ata a Igrexa de Conforto para adorar á Virxe.

Ademais de todas as festas anteriores e doutras moitas que se celebran no Concello da Pontenova, cabe destacar tamén as celebracións do Domingo de Pascua en Vilaouruz, do 15 de agosto na Ermida e Vilar de Conforto, do San Miguel en Vileimil, das Dores en Vilaoudriz e do San Pedro en Bogo.

Contidos relacionados

Información sobre el documento

Concello de A Pontenova
Concello de A Pontenova
Plaza do Concello s/n – 27720 A Pontenova - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 342 277 | Fax: 982 342 051
E-mail: consultas@concellodapontenova.org