Inicio » Turismo » Historia

Historia

Vista antiga da Pontenova

O Concello da Pontenova atópase situado na histórica "Terra de Miranda", camiño e paso cara ao mar de Ribadeo e Asturias, A Pontenova foi solar de fidalgas estirpes.

O primeiro dato que salta á vista do viaxeiro observador é o seu mesmo nome. Sen dúbida, "A Pontenova", alude á existencia, en tempos remotos doutra ponte máis antiga, que cruzaba a canle do seu río, como vía de acceso á outra beira onde xa se explotaban xacementos mineiros desde épocas antiquísimas.

Existen probas arqueolóxicas que certifican que estas terras estaban poboadas nos albores da Idade de Pedra, momento en que o home vivía do río e dos bosques. Máis tarde, apareceron os primeiros castros.

É ben seguro que os romanos tamén explotaron estas paraxes e as súas riquezas, aínda que non existen moitos vestixios que o corroboren. Con todo, parece probable que o trazado da Estrada Nacional Lugo-Asturias, discorre sobre a antiga calzada construída por eles e, que máis tarde serviría de vía de penetración a suevos e árabes.

Durante a Idade Media, toda a comarca estivo dominada polo monacato, que colonizou e repoboou as terras abandonadas polos sarracenos. Proba diso son os abundantes templos e construcións relixiosas que se conservan desta época, cuxo máximo expoñente é o Mosteiro de Meira, construído no século XII pola orde do Císter. A titularidade laica tamén tivo posesións dentro do termo municipal.

Señorío laico e eclesiástico repartíanse a posesión das terras da Pontenova, aínda que foi a Igrexia quen acadou un patrimonio colosal, ante a avalancha de doazóns que recibía tanto da realeza como do pobo, para remisión dos seus pecados. A partir do século XII empeza a aparecer na documentación referencias sobre a "Vila de Goyos" entre as propiedades do Mosteiro de Meira, antecedente da actual A Pontenova.

Unha vez que declinou o poder da Igrexa, as terras desta comarca pertenceron a varias casas nobres como os Pardo de Cela, os Osorio, os Losada e os Miranda.

No século XVIII houbo dous fenómenos sociais que afectaron ás terras de Miranda. Un deles foi a fundación da gran fábrica de Sargadelos, no Concello de Cervo, lugar do cal saíron os ladrillos que serviron para construír os fornos das minas de Vilaoudriz. O outro factor que condicionou a vida destas terras foi, xa no século XIX, o inicio da explotación dos xacementos de limonita por parte dunha sociedade vasca, explotación que continuou ata a guerra española (1936-39).

Finalmente, mencionar que a principios do século XIX o termo aparecía dividido en tres concellos: Conforto, Miranda e Vilameá, pasando a ser dous a partir de 1845: Vilaoudriz e Vilameá. Este último cambiou o seu nome polo de Ponte Nova no ano 1950, e pouco despois (1963) aprobouse a fusión dos concellos de Vilaoudriz e A Ponte Nova, pasando a denominarse Ponte Nova-Vilaoudriz. O 9 de Xuño de 1979 acordouse a denominación actual: A Pontenova.

Contidos relacionados

Información sobre el documento

Concello de A Pontenova
Concello de A Pontenova
Plaza do Concello s/n – 27720 A Pontenova - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 342 277 | Fax: 982 342 051
E-mail: consultas@concellodapontenova.org