Inicio » Turismo » Noite

Que podo facer pola noite na Pontenova?

Noite no Bar Puente

O Concello da Pontenova, a pesar de ser un pequeno municipio, posúe unha ampla oferta de posibilidades en canto a sitios para saír e divertirse pola noite, ben no propio Concello, ben nos seus arredores e zonas próximas.

No pobo, dous son os locais máis frecuentados: o "Montes" e o "Puente", cada un co seu estilo e con distinto ambiente. O "Montes" ten unha clientela cunha media de idade de entre 18 e 20 anos; mentres que no "Puente", a media de idade é lixeiramente superior. Nestes locais son frecuentes as festas ao longo de todo o ano.

Trátase de dous locais ben diferenciados pero que se complementan perfectamente e ofrecen unha variada oferta, especialmente, para as noites dos venres. Ademais, no Concello da Pontenova abundan as festas populares, sobre todo no verán, polo que é moi habitual que cada fin de semana exista a posibilidade de achegarse a algunha delas no canto de saír polo pobo da Pontenova.

Nos arredores do Concello as posibilidades tamén son moitas, os mozos da zona acoden periodicamente os venres a Muimenta, onde está a "Discoteca Hermo", moi coñecida na zona e na que é frecuente a actuación de artistas, xeralmente DJ's, coñecidos en toda España e no estranxeiro, e o sorteo de coches e grandes sumas de diñeiro.

Tamén se adoita ir a Ribadeo os sábados, xa que nesta localidade abundan os bares, pubs e discotecas nos que divertirse.

Outra posibilidade é achegarse a Taramundi a tomar unhas sidras e gozar dunha noite máis tranquila. Tamén existen as opcións de desprazarse a Lugo, a capital de provincia, e que, como cidade, posúe múltiples alternativas; ou a Foz, que no verán se converte na capital de toda a Costa Lucense debido á grande afluencia de turistas que experimenta.

Información sobre el documento

Concello de A Pontenova
Concello de A Pontenova
Plaza do Concello s/n – 27720 A Pontenova - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 342 277 | Fax: 982 342 051
E-mail: consultas@concellodapontenova.org