Inicio » Turismo » Historia

As minas e os fornos

Vista antiga dos fornos de Vilaoudriz

As minas

As minas de Vilaoudriz xorden cando a Sociedade Comanditaria "Sucesores de J. B. Rochet e Cía" de Bilbao, adquire un conxunto de minas de ferro fosfórico situadas no Concello de Vilaoudriz, na actualidade A Pontenova.

O mineral fosfórico comezaba entón a cotizarse en Europa, dado que no ano 1879 se descubrira o proceso de desfosforación do mineral de ferro en fornos de calcinación, método que permitiu eliminar os residuos fosfóricos do ferro e utilizar estes como fertilizantes.

O impulsor da sociedade explotadora destas minas vai ser o ilustre vasco don Xullo de Lazúrtegui, promotor doutras minas no resto da Península e home vinculado ás sociedades do ferro e o aceiro que neste momento se desenvolven en Europa.

En marzo de 1900 constitúese en Bilbao a "Sociedade Mineira de Vilaoudriz", que establece o seu domicilio social na mesma vila.

A mina ten dous centros: os grupos "Luisa" e "Vieiro", no monte de Vilaoudriz, e o grupo "Consolo-Boulloso", nas montañas de Boulloso, distante un quilómetro dos anteriores.

As primeiras en explotarse son as minas "Luisa" e "Vieiro", a continuación o grupo "Consolo-Boulloso", e a última mina que se pon en explotación é a chamada "Eneas", que comeza a funcionar no ano 1907. Ata o ano 1911, a explotación das minas realizouse mediante contrata, pero neste ano xa se fixo cargo a propia sociedade concesionaria.

Os fornos

O mineral hidróxido embarcábase nos vagóns tal e como saía da mina, mentres que o carbonato cloritoso debía sufrir un proceso de calcinación, mediante o cal, primeiro quentado e logo en contacto co aire, secábase e perdía auga e ácido carbónico; así verificábase a combustión das piritas que contiña, e pasaba de óxido ferroso a férrico.

O proceso descrito tiña lugar nos fornos de calcinación, de forma lixeiramente troncocónica, con 4 metros de diámetro superior e 11 metros de altura. Para a extracción do mineral, estes fornos dispóñen de 4 portas e un cono de fundición na súa parte baixa, con aletas de distribución.

Outras instalacións

A mina constaba de varias instalacións complementarias: como os depósitos de mineral, unha central eléctrica, un tranvía aéreo, dous compresores para perforación mecánica, un plano inclinado para elevar os produtos e o lavadoiro do mineral.

O transporte

Para transportar o mineral constrúese entón un ferrocarril de vía estreita, cun metro de ancho de vía, que enlaza as minas co porto de Ribadeo, distante 34 quilómetros.

As obras do ferrocarril comezaron no ano 1902, e nelas construíronse 13 túneles, que miden un total de 1550 metros, catro pontes metálicas, dúas de cimentación e un cargadeiro metálico no porto de Ribadeo.

O tren circulaba xa no mes de abril de 1903 con mineral, e no mes de agosto de 1905 inaugúrase oficialmente o servizo público de viaxeiros, converténdose nun medio de transporte mixto de carga e pasaxe.

Contábase cun total de cinco locomotoras, unha pequena de manobras e catro maiores de 30 tm. de carga. Ao redor de 60 vagóns-tolva eran destinados ao transporte do mineral. Dous vagóns eran destinados aos pasaxeiros, distribuídos en tres clases. Un vagón-correo, dous vagóns para o gando e dúas plataformas de carga para vultos completaban os elementos constitutivos do tren.

No percorrido atopábanse catro estacións: Vilaoudriz, Santirso, Porto-Vaga e Ribadeo, ademais de catro apeadeiros.

Cronoloxía

A comercialización comeza a finais de 1902, Alemaña, Francia, Bélxica e Inglaterra eran os principais compradores, e o total do mineral arrastrado polo ferrocarril é embarcado no porto de Ribadeo.

Cando no ano 1914 estala a Primeira Guerra Mundial, o mercado alemán péchase e hai tamén dificultades co mercado inglés.

Os embarques regulares de mineral vense suspendidos, e isto obriga a paralizar os labores nas minas. Debido á dificultade para garantir frételos, no mes de marzo de 1915 a Sociedade Mineira decide comprar un vapor de 2.200 tm., ao que anos máis tarde seguirá outro denominado "Villaodrid".

Posteriormente, volveuse a extraer mineral, pero xa non se alcanzaría a produción dos anos anteriores; por unha banda, porque a chatarra da guerra vai ser reutilizada como materia prima, e por outra, porque novos países comezan a vender ferro no mercado internacional.

Con todo, séguese traballando ata o ano 1932, comerciándose fundamentalmente co mercado inglés. É no ano 1925 cando se decide montar un quinto forno na Pontenova.

Durante a Guerra Civil, a mina funcionou a medio réxime, ata que se apagaron os fornos por falta de carbón. Posteriormente, no ano 1938, o grupo Krupp-Montana levaría a cabo unha explotación das minas e o ferrocarril.

Terminada a guerra, contratouse unha brigada especial de conservación, que reparou varios desprendementos producidos no interior da mina. A explotación mantívose ata a década dos 50, e o ferrocarril deixou de funcionar definitivamente no ano 1964.

O cargadoiro foi derrubado e vendido como chatarra, e salvo algunhas pontes, algún túnel semiderrumbado e a estación de Vilaoudriz, non queda nada máis do ferrocarril.

Hoxe en día perviven os cinco fornos de calcinación de Vilaoudriz (A Pontenova), que permanecen así como un símbolo do que foi a mina e de máis de sesenta anos de traballo. A Pontenova, que naceu coa mina, conserva agora os seus fornos, e con eles unha parte importante da súa memoria, unha parte importante da súa historia.

FONTE: "Os fornos de Vilaoudriz", (1989)

AUTORA: Correa y Fernández de Carrascosa, María Teresa

Imaxes

Don Julio de Lazúrtegui Capela de Santa Bárbara

Ver máis imaxes

Información sobre el documento

Concello de A Pontenova
Concello de A Pontenova
Plaza do Concello s/n – 27720 A Pontenova - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 342 277 | Fax: 982 342 051
E-mail: consultas@concellodapontenova.org