Ruta das Reigadas

Treito Barreiros - Ponte Paradela

O inicio do primeiro tramo da ruta sitúase a 785 metros de altitude no lugar de Barreiros, pertencente á parroquia de San Pedro de Bogo. A ausencia de vexetación arbórea durante os primeiros 600 metros do camiño permítenos gozar, desde a súa cabeceira sur, dunha reconfortante vista panorámica caracterizada pola frondosidade do bosque no que discorre a Ruta das Reigadas.

Tras de si, o camiño vira bruscamente á dereita para internarse nunha masa de piñeiros, e inmediatamente despois, introduciranos na vexetación característica da fraga, composta no seu estrato arbóreo por carballos, castiñeiros, abeleiras e acivros, que se verán acompañados dun abundante tapiz arbustivo-herbáceo conformado por uces, folgueiras e arandeiras, xunto cos fungos e líquenes que acariñan as rocas dos numerosos arroios e fervenzas que conflúen no río que dá nome á ruta.

As numerosas pontes cos que se atopará o camiñante permitirán acompañalo no seu sixiloso discorrer a través da fraga das Reigadas, acabando esta coa chegada a Ponte Paradela, final do primeiro tramo da ruta.

Treito Ponte Paradela - Ferrería de San Pedro

A 1,8 Km. ao suroeste de Vilarxuvín pertencente á parroquia de San Pedro de Bogo e a 410 metros de altitude comeza o segundo tramo da ruta. Logo dos primeiros 100 metros, que transcorren por estrada asfaltada, desviámonos á esquerda para penetrarmos na fraga de Vilarxuvín.

No seu primeiro tramo, o camiño discorre en curva de nivel uns 50 metros por encima da marxe dereita do leito do río Reigadas que, coa súa presenza, dará lugar á frondosidade da vexetación coa que alí se atopará o camiñante. Abundantes masas mixtas de carballos e castiñeiros nas que, nalgúns casos, destacarán fermosos exemplares centenarios, veranse acompañadas por abeleiras, pradairos brancos e freixos xunto con algunha cerdeira dispersa, para logo de baixar a mirada, atoparnos co estrato arbustivo-herbáceo constituído por uces, ruscos, folgueiras e arandeiras xunto cos liques e fungos das rochas.

Logo de camiñar 2,5 Km., e de cruzarnos cunha "corripa" para a conservación e maduración das castañas, cuns antigos muíños e numerosas pontes, chegamos ao final do bosque de Vilarxuvín, para que de súpeto, se abra o ángulo de visión do camiñante e así poder apreciar a acción entrópica na conformación da paisaxe, coa presenza de masas de coníferas e algún pé de eucalipto illado que se mestura coas masas de frondosas autóctonas.

Para acabar o segundo tramo da ruta, unicamente falta un pronunciado descenso que nos levará á beira da Ferrería de Bogo, situada na parroquia de San Pedro de Bogo, e que foi fundada no ano 1534 polo fidalgo Pedro de Miranda para o aproveitamento das riquezas férricas das súas terras a partir da forza motora do río Reigadas.

Treito Ferrería de San Pedro - A Ermida

O terceiro tramo comeza a 210 metros de altitude no lugar de Ferrería de San Pedro de Bogo, e caracterízase polo seu discorrer por espazos abertos.

A vexetación coa que nos atoparemos comprende un amplo abano de conformacóns vexetais: masas de coníferas, frondosas autóctonas, así como pastos presentes á beira dos núcleos de poboación de Machuco, Muiñou e Panturreira cos que se cruzará o camiñante e que farán que teña que prestar especial atención aos elementos identificativos da ruta para non desviarse do camiño programado.

Logo de camiñar 3,6 Km. por este último tramo, chegamos ao lugar da Ermida, parroquia de San Xulián de Vilaboa onde finaliza a Ruta das Reigadas.

Descarga do arquivo

Información sobre el documento

Concello de A Pontenova
Concello de A Pontenova
Plaza do Concello s/n – 27720 A Pontenova - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 342 277 | Fax: 982 342 051
E-mail: consultas@concellodapontenova.org