Ruta da Seimeira

Comeza a ruta penetrando por un camiño rodeado de piñeiros, acivros, abeleiras, castiñeiros e carballos, que máis adiante se converten nun carreiro cun monte baixo moito máis espeso e húmido, onde comezan a aparecer os primeiros arandos, folgueiras e o mofo recubrindo as pedras. A continuación, o camiñante poderá escoitar o ruxir da auga que cae formando a fervenza da Seimeira, pero que non poderá observar desde o carreiro sen desviarse.

No punto de desvío haberá que descender por un souto de castiñeiros e carballos cun firme solto e pedregoso recuberto polas follas que caen das árbores, punto desde o cal, se pode xa observar o caer da auga formando unha fervenza principal e moitas outras máis abaixo, as cales se poderán contemplar desde a súa base se se continúa descendendo ata o arroio.

Xa de regreso ao carreiro abandonado para observar as fervenzas, chégase ata dous muíños que nun tempo, aproveitando a forza da auga permitían obter a indispensable fariña. Cruzando o regato, a ruta penetra noutro fermoso souto no que se mesturan castiñeiros e carballos cubrindo coas súas ramas a vida que baixo eles discorre.

O carreiro ascende ata un miradoiro desde o que se poden observar as ladeiras das dúas montañas que percorre a ruta e o bosque máis abaixo. No monte baixo aparece un abundante tapiz de arandos que deixan paso a folgueiras noutras zonas. Máis adiante, o carreiro cruza un novo arroio para chegar ata un camiño máis amplo que levará á aldea de Vilarxuvín. Ao longo deste camiño pódense observar as grandes rocas da ladeira pola que comezou a andaina así como numerosos carballos de gran porte, rodeados de toxos, uces e xestas.

Ao chegar a Vilarxuvín atópase un desvío á man dereita cun panel de sinalización desde onde se pode enlazar coa Ruta das Reigadas, achegándose ata Ponte Paradela. Tamén teremos a posibilidade de elixir outra ruta montaña abaixo que nos levará á das Reigadas para xuntarse con esta á altura dos muíños, un deles coñecido como Muíño da Seimeira; ou ben, outra que nos levará á Ponte de Escourido, onde se xuntan o rego de Sanxés e o Río das Reigadas.

Información sobre el documento

Concello de A Pontenova
Concello de A Pontenova
Plaza do Concello s/n – 27720 A Pontenova - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 342 277 | Fax: 982 342 051
E-mail: consultas@concellodapontenova.org